As fronteiras borradas

Galicia Hoxe, 09.Junio.2010

Eduardo Kac, creador do bio arte e a telerrobótica, sinala que as súas criaturas, como o coello fluorescente, resultado da modificación xenética, son "suxeitos con dereitos, e non obxectos"

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

A hibridación entre o físico e o virtual, o biolóxico e o tecnolóxico, é un dos alicerces da obra do artista Eduardo Kac, que onte ofreceu un relatorio no CGAC. Recoñecido internacionalmente polos seus proxectos de bio arte, o seu traballo cuestiona a evolución, -sinalando a intervención humana nesta-, a memoria e a propia condición da creación.

Comezaches coa arte online, despois incorporaches a telecomunicación e a robótica. Máis tarde decantácheste pola telepresenza, e nos últimos anos camiñaches cara á bioloxía...

Comprendín moi cedo que a arte funcionaba nun sistema de comunicación moi tradicional. O artista crea a mensaxe, -a escultura, a pintura, o que sexa-, transmítea por unha canle, e o público recíbea, contémplaa. E a contemplación é unha experiencia, un proceso cognitivo. Este xeito de traballar fora xa moi cuestionado no século XX. Nos 80, detectei que iamos cara a un cambio de paradigma: a cultura ía ser dixital. A partir do 86, inventei a telepresenza, ou telerrobótica. Imaxina que ti estás en Santiago e o robot está en Toquio. Pois o robot non ten autononía, senón que fai o que fas ti. Se el se move, é porque ti te moves. Inventei un robot para cada obra. Cada obra tiña o seu corpo, a súa lóxica, a súa carga poética. Por exemplo, o corpo dun papagaio entre outras especies de paxaros, sería á poética do Outro, o diferente. Co proxecto Cápsula do Tempo, no 97, creei o termo bioarte, que supón outro cambio de paradigma. Introducín un microchip no meu corpo, do que despois se fixo un seguimento por internet. No 99 comecei coas obras transxénicas. O que eu creo, que é diferente do que crea a natureza, é un suxeito, cuns dereitos, non un obxecto. É unha vida independente da obra de arte que tamén é. Cunha carga poética, extrabiolóxica.

Exploras a posición do suxeito no mundo posdixital. O xene que ti creaches no proxecto "Xénese" cuestionaba a noción da supremacía da raza humana. Como mudou o xeito do suxeito de relacionarse co mundo?

É un proceso que comezou cos primeiros modernos: Baudelaire... A idea era abrir espazos para poder reinventarse, traballar para ser quen queres ser, sen estar confinado aos moldes herdados da familia, a sociedade... Na era dixital, coa aceleración dos medios de comunicación, expándense as posibilidades de modelar quen queres ser. En internet comunicámonos ao mesmo tempo polo facebook, o skype, os sms..., e non somos a mesma persoa cando nos comunicamos cos nosos pais, os nosos colegas... Pasamos dun modelo liñal a un modelo en rede, somos suxeitos en rede, como os nodos da rede, nos que se entrecruzan moitos vectores...

Interésache especialmente o proceso comunicativo, a natureza dialóxica da arte. Creaches un coello fluorescente, por modificación xenética. E iso favoreceu o debate sobre a enxeñería xenética, a súa ética...

Cando falamos de comunicación pensamos nos seres humanos, e tendemos a situalos no centro. Pero a comunicación é un proceso máis complexo e interesante. As abellas comunícanse a través da danza, as bacterias coas moléculas... A min interesábame levar isto á arte, crear obras para os non humanos; o diálogo entre seres distintos: o home e o coello, o home e o robot...

Exploras a conexión entre o físico e o virtual, o biolóxico e o tecnolóxico, a arte e a tecnoloxía, tentando borrar as fronteiras entre elas. Parece que queres que lle perdamos o medo á hibridación, propór esa reflexión...

En parte é así, o que eu fago é arte. Ao que hoxe lle chamamos tecnoloxía, dentro duns anos verémolo como normal, común. De todos os xeitos, eu non fago arte para reflectir a realidade, senón para mudala. Un chip no meu corpo non é unha metáfora. Implanteino no corpo e a xente puido ver a información na rede, e iso é un feito.

Holopoesía, poesía dixital, biopoesía... tes experimentado tamén moito neste campo. En que fase estás agora?

Coa poesía visual estaba aínda no universo gutemberguiano, algo xa do pasado nos anos 80. Comecei coa poesía dixital, a partir do 83 coa holográfica, e a partir do 2003 coa biopesía, cos medios vivos como medio de concepción, produción e lectura.

gura de Eduardo Kac representa o carácter híbrido e exploratorio que define o temperamento da época en que vivimos. A súa visión poética e filosófica da vida, que plasma na súa obra creativa transxénica, nos seus traballos multimedia, da telepresenza e interactivos, nos seis holopoemas, na súa poesía multimedia ou na súa bioarte. A súa preocupación teórica, crítica e académica achéganos a un autor que explora constantemente a fluidez da posición do suxeito no mundo posdixital, cuestionando a evolución, a memoria e a propia condición da creación.

Eduardo Kac (Río de Janeiro, 1962) actualmente traballa na School of the Art Institute of Chicago. Recibiu o Golden Nica Award 2009. Kac autodefínese como un artista transxénico ou bioartista e considera que a xenética ou a biotecnoloxía favorecen o traballo do autor. Realizou múltiples performances como a do proxecto Time Capsule (1997), que se implantaba un microchip no seu nocello como chamada de atención sobre os vínculos que establecemos coas novas tecnoloxías e o control que exercen sobre nós. As súas propostas telemáticas inclúen traballos como o de Telesporting an Unknown State (1994/1996), en que o creador de seres imposibles fai medrar unha planta situada nun contorno escuro a través da interactividade que exercen os espectadores conectados á rede que envían escintíleos de luz para a súa evolución. http://ekac.org


Kac Web